(Arteixo, A Coruña, España, 1833 - A Coruña, España, 1923)
Apuntes biográficos/históricosManuel Murguía foi o máis destacado impulsor do Primeiro Rexurdimento. Naceu en Oseiro-Arteixo (A Coruña) no ano de 1833. En Santiago de Compostela estudou Humanidades e Latín, obtendo o grao de bacharel en filosofía en 1850. Colaborou dende moi novo en diversas publicacións e só con dezasete anos publica a súa primeira novela, Desde el cielo.
En 1853 Murguía instalouse en Madrid, onde publicou ensaios de temática galega e varias obras de ficción. Nesta cidade reencontraríase con Rosalía de Castro, ca que xa coincidira nos seus anos de estudo en Santiago. Murguía e a poetisa de Padrón casarían en 1858 e meses máis tarde regresan a Galicia. O intelectual galego foi un importante apoio para o desenvolvemento da carreira literaria de Rosalía de Castro.
A relevancia de Murguía no panorama intelectual galego da segunda metade no século XIX é indiscutible. Non só desenvolverá un intenso labor xornalístico, colaborando e mesmo dirixindo algunhas das publicacións periódicas mais importante do momento, senón que tamén se dedicará intensamente á investigación da historia de Galicia. O estudo da historia será a súa verdadeira paixón.
Murguía foi un home de vasta erudición que traballou, ademais de como escritor, como historiador, arquiveiro (foi xefe do Arquivo Xeral do Reino de Galiza e Cronista Oficial do país) e redactor en Madrid, Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo e Simancas. En contacto desde a súa mocidade co provincialismo, Murguía, de ideoloxía romántico-liberal, sería co paso do tempo unha figura clave do movemento rexionalista, chegando a ser nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista, e director do seu xornal, La Patria Gallega.
Tras retirarse do seu traballo como arquiveiro en 1905, recibiu a encomenda de organizar a comisión fundadora da Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente, cargo que ostentaría até a súa morte en 1923. Nos últimos anos da súa vida colaborou en diversos actos de homenaxe os destacados intelectuais galegos que lle foron coetáneos, como Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou mesmo a súa propia muller, Rosalía de Castro. El mesmo foi obxecto dun gran homenaxe, co gallo do seu oitenta aniversario na cidade da Coruña, como agradecemento o seu labor como defensor do uso público do galego e do sentimento histórico e cultural diferencial de Galicia.