Quen somos?

Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia é un servizo público xestionado pola Biblioteca de Galicia. A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, no seu artigo 10.2. establece que unha das funcións da Biblioteca de Galicia é a de “constituír a biblioteca dixital galega e actuar como centro de referencia en materia de dixitalización do material cultural”. Ao cumprir con ese mandato legal, a Biblioteca de Galicia atende paralelamente outra das súas funcións: “recuperar, recoller, conservar, enriquecer e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia, a produción bibliográfica galega e a relacionada co ámbito lingüístico e temático galego”. En esta ocasión, no ámbito dixital.

Galiciana-BDG ten como misión difundir e dar acceso ao patrimonio bibliográfico galego na rede, amais de contribuír á súa preservación mediante a aplicación das TIC. A súa consulta libre e aberta en internet facilítalles ás persoas usuarias, en calquera momento e lugar, o acceso a fondos e coleccións bibliográficas de especial valor para Galicia.

Galiciana-BDG toma como referencia do que é patrimonio bibliográfico o establecido no artigo 110 de Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 110. Patrimonio bibliográfico de Galicia.

1. Para os efectos desta lei, o patrimonio bibliográfico galego está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural.

2. Así mesmo, inclúense no patrimonio bibliográfico galego as obras literarias, históricas, científicas ou artísticas, xa sexan impresas, manuscritas, fotográficas, cinematográficas, fonográficas ou magnéticas, de carácter unitario ou seriado, que reúnan os requisitos da alínea anterior, en calquera tipo de soporte e independentemente da técnica utilizada para a súa creación ou reprodución, nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que respecto a estas obras conste a inexistencia de, polo menos, tres exemplares idénticos en bibliotecas ou servizos públicos.

b) Que sexan anteriores a 1901.

c) Que teñan características singulares que lles outorguen carácter único (ex libris, expurgacións, etc.).

[...]

4. Este capítulo será de aplicación a os orixinais fonográficos, gráficos ou cinematográficos, así como os exemplares hemerográficos, independentemente do soporte no que se atopen.

Para que o patrimonio bibliográfico galego teña cada vez meirande presenza na rede, a Biblioteca de Galicia sempre procura a colaboración doutras institucións da memoria que custodian nos seus depósitos materiais de gran valor cultural para Galicia. A cooperación con estas institucións seguirá sendo un obxectivo determinante na política de selección das obras para dixitalizar realizada pola Biblioteca de Galicia.

Por último, malia que non menos importante, a Biblioteca de Galicia pretende que Galiciana-BDG sexa unha ferramenta para contribuír ao coñecemento e investigación da lingua, a historia e a cultura galega e que tamén sexa fonte para a creación de elementos educativos e de formación destinados a todos os niveis docentes.