(Santa Baia de Castro, Cerdedo, Pontevedra, España, 1900 - Washington, Estados Unidos de América, 1987)
Apuntes biográficos/históricosFoi un científico e escritor galego.
Otero Espasandín viviu na súa parroquia natal ata que en 1914 comezou os estudos de Maxisterio en Santiago de Compostela. Cando remata en 1921, é mobilizado a Melilla polo desastre de Annual. Alí coincide con Rafael Dieste, Amado Villar e Xosé María Brea Segade.
A partir da campaña de África, da que regresa en 1923, Otero establecerá fortes lazos cos seus compañeiros, sobre todo con Rafael Dieste: publicacións, inquedanzas e angueiras en común, ademais dunha fonda amizade. Con Amado Villar, que durante varios anos dirixirá as páxinas literarias de Faro de Vigo, manterá unha asidua colaboración. Asemade, continúa a relación con Xosé Mª Brea Segade, xa que en 1923 ambos os dous comezarán a traballar como mestres nos Pósitos de Pescadores, o de Cerdedo-Cotobade no de Ribeira ao que se incorporará tamén, aínda que brevemente, Rafael Dieste como docente no ano 1926 e Brea Segade no da súa vila natal, Rianxo.
Ademais do seu traballo como mestre, Otero Espasandín comeza a colaborar en varios xornais e publicacións galegos: Galicia, Faro de Vigo, Nós ou El Pueblo Gallego. Os seus primeiros escritos en lingua galega publicaranse neste último xornal a partir do ano 1926.
En 1929 vai ampliar os seus estudos á Escola Superior de Maxisterio de Madrid, onde se especializa en ciencias. Na capital comeza unha etapa na que desenvolve unha vizosa vida intelectual e profesional.
Traballa coma profesor de matemáticas na Escola Plurilingüe Internacional onde coñece á que será a súa dona, Alicia Ortiz Alonso e colabora tamén no Museo de Ciencias.
Mergúllase, xunto co seu amigo Rafael Dieste, na anovadora proposta educativa que supoñen as Misións Pedagóxicas e que os levará por diversos puntos da xeografía española.
Nestes anos, Otero Espasandín é tamén un asiduo dos parladoiros que tiñan lugar nos madrileños Café de las Flores e La Granja El Henar, onde un nutrido grupo de asistentes se reunía en torno a Eduardo Dieste na altura cónsul de Uruguai en España, no primeiro, e a Ramón María del Valle-Inclán no segundo.
Nesta época, e a modo de novo punto de reunión dos homes que se xuntaban nos parladoiros da capital, nace a revista PAN Revista epistolar y de ensayos (1935) impulsada polo máis vello dos Dieste e baixo a dirección de Otero.
O alzamento de 1936 e a Guerra Civil truncan a vida de Xosé Otero Espasandín que é mobilizado no bando republicano. Pasa os anos da guerra en Barcelona, nunha oficina de aviación, ata que o 9 de febreiro de 1939 cruza a fronteira pirenaica e consegue chegar a Francia acompañado de Rafael Dieste, Sánchez Barbudo e Ramón Gaya, compañeiros das Misións Pedagóxicas e da revista PAN.
Nese mesmo mes vai a Inglaterra, onde estaba súa dona e súa filla. En abril de 1941 marchan a Buenos Aires. Ante a imposibilidade de convalidar o título de mestre, sobrevive con traducións e creacións de libros de divulgación en castelán. En 1947 marcha aos Estados Unidos, sendo lector de castelán en Waynesburg, Pensilvania.
Do longo exilio, Xosé Otero Espasandín xa non retornará.
Galipedia